Viaxando xunto a Plan de Rescate

 

Este trimestre, no Club de Lectura, acompañamos a Antía Yáñez na aventura de Plan de rescate, unha novela que nos fixo rir, emocionarnos e reflexionar sobre a importancia da inclusión, a amizade e o traballo en equipo.

A medida que avanzabamos na lectura, fomos realizando diferentes propostas para comprender mellor a historia e conectar cos seus personaxes. Entre elas, levamos a cabo actividades de comprensión lectora, tanto orais como escritas, que nos permitiron compartir impresións, formular hipóteses e comentar os acontecementos máis sorprendentes da trama.

Tamén dedicamos unha sesión á dramatización dunha das escenas do libro. O alumnado recreou a noticia de que uns atracadores se atopaban dentro do colexio, converténdose por uns momentos nos protagonistas da historia. A actividade rematou cun tabló final que serviu para realizar a fotografía que decorará as portas das nosas aulas, transformadas este curso en auténticas salas de cine dentro do noso PDI.

 

 

 

Outra das tarefas consistiu na elaboración dun mural colectivo sobre os personaxes da novela. A través de debuxos e pequenas descricións, fomos construíndo un esquema visual que nos axudou a coñecer mellor as súas características e a comprender a importancia que cada un deles ten no desenvolvemento da historia. 

 


Como peche da lectura, cada grupo elaborou unha caixa literaria inspirada en Plan de rescate. No seu interior recolleron algúns dos espazos, obxectos e elementos máis representativos da obra: os pictogramas, a aula de apoio, o comedor, os baños e outros detalles que consideran fundamentais para entender a novela. O resultado foi unha colección de creacións cheas de imaxinación e significado que demostran a atención e o cariño cos que o alumnado se achegou á lectura.



 

Plan de rescate deixounos unha mensaxe moi valiosa: todas as persoas temos capacidades diferentes e todas podemos aportar algo importante cando traballamos xuntas. Unha historia que, sen dúbida, permanecerá na nosa memoria moito tempo.



 

 

 

Comentarios

Publicacións populares deste blog